REINVENTIO Compostela 2ª edición

Que é REINVENTIO Compostela 2ª edición?

É un evento creado polo equipo de Xeracción reinventio2XV no 2016 para compartir historias de reinvención no ámbito do emprego. Os asistentes e as asistentes poderán escoitar as experiencias de 4 participantes que deron un paso á fronte para estar máis cerca de ser as profesionais que sempre quixeron ser. Cada relatora ten uns 12 minutos para compartir a súa historia, despois disto haberá unha quenda de preguntas, así como networking é dicir, tempo para coñecernos, comentar e compartir as nosas anécdotas nun ambiente relaxado. 

Para esta edición escollemos unha noite de mulleres, unha noite de mulleres poderosas e con capacidade de sorprenderse e sorprendernos cada día. O mundo tense que reinventar, e nós as mulleres temos que levar a iniciativa, con imaxinación, forza, mirando sempre cara ao futuro con optimismo. A reinvención ou é feminista ou non é! As reinventoras para esta edición son: 

 

Como vemos nós a reinvención?

A reinvención é decatarse de que algo non está funcionando na túa vida e saber que lle tes que dar unha volta, virala como a unha tortilla. Xa o dicián os nosos avós, “saír dun souto para meterse noutro” E neste último  souto as castañas son ben saboridas. Tamén é o o espírito de descubrirse a un mesmo e a unha mesma, de valorarse, de erguerse cando caemos e con máis forza que antes, iso é a reinvención. Saír con forza e inzado de folgos cara a novos retos, cara a novas inquedanzas e proxectos que na inmensa maioría dos casos nunca pensaramos que íamos chegar  facer. 

A nosa intención é que a REINVENTIO Compostela fose unha plataforma  que dera voz a historias de persoas que se decataron de que algo fallaba, que non funcionaba na súa vida, na súa contorna  e optaron por xerar  cambios, entendendo o cambio como a busca de todo aquilo que nos fai sentir ben , que nos reconcilia coa vida e coas persoas.  Para nós esas historias son o verdadeiro motor do cambio, un tesouro que hai que compartir e espallar co obxectivo de que inspiren , motiven e impulsen a outras persoas e estas a outras e facer unha cadea de historias que nos axude a ter a sociedade que queremos. Non buscamos grandes historias , senón a de todos e cada un e cada unha de nós. Historias inspiradoras, historias de fortaleza persoal e colectiva historias de superación e historias de atopar o noso lugar no mundo, en definitiva, reinventarse e seguir cara a adiante!

 

Quen é Xeracción XV?

  XerAcción XV é un movemento de acción social cooperativa baseado na xeración de oportunidades de cara a mellorar a empregabilidade dos seus e das súas integrantes; a volta á esencia do noso ser social. Nado do Proxecto Colabora de fomento do emprendemento social e o intraemprendemento e organizado desde o Concello de Santiago de Compostela. Nas áreas de economía social e desde promoción económica

  Composto por un equipo de 15 profesionais de diversos sectores en situación actual de desemprego, XerAcción XV é una aposta pola empatía, a resposta ao desengano cos xeitos tradicionais de busca de emprego. Trocamos inmovilismo, falta de perspectivas e perda de autoestima  por  ACCIÓN. Por participación activa nun ambiente de solidariedade, por unha , pola responsabilidade compartida na busca proactiva de novas posibilidades profesionais e persoais. Por non deixar de ilusionarnos.

Se aínda tedes curiosidade ou queredes saber máis sobre o que facemos, ou sobre nós…Podedes visitar o noso blogue https://xeraccionxv.wordpress.com/, as nosas redes socias ou dirixirvos a calquera de nós durante o evento!

E se aínda non gozáchedes da nosa curta Soltando lastre, realizada por Illa Bufarda, agora é o momento.

Encantaríanos moito saber de vós!.

Advertisements

Estrea da curta “Soltando Lastre” e evento REINVENTIO Compostela

O vindeiro 6 de abril ás 20:30 na cafetaría Airas Nunes na Rúa do Vilar 17, teremos a estrea mundial da curta “Soltando lastre” Unha curta dirixida por  Illa Bufarda e na que o equipo de XerAcción XV participa activamente. Este mércores non vos perdades a estrea desta curta que vai dar moito que falar 😉

E antes desta estrea, teremos REINVENTIO Compostela. Historias de reinvención persoal. Un evento creado por nós, desde 0, partindo da idea do proxecto, que nos temos que reinventar e desde aí mirar con outros ollos o mercado laboral, mirar con ilusión e por que non, enxergando a utopía. REINVENTIO Compostela

Este evento vai sobre a reinvención, persoal e profesional 5 persoas que nos contarán as súas historias de reinvención:

Primeiro de todo deberamos falar de que significa reinvención. É decatarse de que algo non está funcionando na túa vida e saber que lle tes que dar unha volta, virala como a unha tortilla. Xa o dicián os nosos avós, “Saír dun souto para meterse noutro” E neste último  souto as castañas son ben saboridas, despois de ter que probar ducias delas sen sabor e mesmo nalgúns casos cheas de vermes que as deixaron baleiras.

Reinventarse vén do latín INVENTIO que tiña o significado de descuberta, así temos por exemplo a Inventio da descuberta do corpo do Apóstolo Santiago, e fixádevos que ben se reinventou a cidade de Santiago ao longo dos anos. E é este significado precisamente o que nós lle queremos dar a este evento, o espírito de descubrirse a un mesmo, de valorarse e decatarse de que lle temos que dar un xiro ás nosas vidas xa que o que até o de agora estabamos facendo non nos enche ou vemos que non nos vai permitir aportar en bo porto, decatarnos de que temos que dedicarnos a outra cousa e que ademais, facémola ben. O espírito de erguerse cando caemos e con máis forza que antes, iso é a reinvención. Saír con forza e inzado de folgos cara a novos retos, cara a novas inquedanzas e proxectos que na inmensa maioría dos casos nunca pensaramos que iamos chegar a facer.

Sucar de novo o mar, botar novos aparellos e aprender do que nos fixo chegar até este punto das nosas vidas.

Acompáñasnos o mércores? Será unha noite chea de sorpresas 😉

E para ir abrindo boca, un vídeo dunha reinvención persoal. Susana, unha bióloga investigadora en xenética que se reinventou e creo GAnchillo. NAtural revolution.

8 de marzo. Día da muller

Tal día coma hoxe no 1908 durante unha folga de máis de 40.000 costureiras de moitas fábricas do téxtil nos EUA reclamando igualdade de dereitos, redución de xornada e o dereito a afiliarse a sindicatos entre outras reivindicacións, nunha desas fábricas, a Cotton Textil Factory de Nova York, máis de 120 mulleres morreron queimadas ao declararse un incendio e estar pechadas dentro polos donos da fábrica.

E é por esta traxedia que celebramos o día internacional da muller traballadora. E nós, desde XerAcción XV,  tamén nos queremos unir a este día. Consideramos que as novas políticas de emprego, nas que nós cremos, tamén TEÑEN que incluír unha igualdade real de oportunidades, unha igualdade de salarios e responsabilidades. Unha política de emprego como a que nós queremos e promulgamos que favoreza a conciliación, tanto para os homes como para as mulleres.

E foi precisamente neste campo, o da conciliación, onde primeiro tivemos que intervir aló nos albores do proxecto Colabora. Na  primeira sesión grupal dos mércores, no espazo de coworking Doutroxeito, tivemos que resolver un problema real de conciliación, xa que varios e varias XerActores e XerActrices teñen nenos e nenas e había que estudar o mellor xeito de poder acudir ás xuntanzas presenciais e ao mesmo tempo atender as obrigas paternais e maternais. Uns días saímos un pouco antes, outros días imos ás sesións cos cativos ou as cativas, outras veces

Tamén fixemos un par de vídeos reivindicativos e un xeroglífico.  agardamos que gocedes deles tanto coma nós facéndoos.

 

Este primeiro vídeo relata as peripecias que ten que pasar unha muller na súa visita a un organismo público cando ten que atender ao mesmo tempo a unha persoa dependente.

Neste segundo vídeo XerAcción XV é tamén xeradora de igualdade.

 

E xa por último temos este xeroglífico. A ver se o resolvedes!

Igualdade

XEROGLIFICO

Silencio! 5… xerACCIÓN

Onte, 17 de febreiro, exactamente ás 17:00  no Espazo de Coworking Doutroxeito, por fin escoitamos o primeiro “clak” da claqueta e comezamos a rodar o noso video reinvindicativo. Dirixidos e dirixidas magnificamente por Sabela e Adri da produtora Illa Bufarda e despois de varias semanas de preparación do guión, un guión colaborativo apelando á intelixencia colectiva, convertémonos en actores e actrices, produtores e produtoras, guionistas, axudantes de direción…Todo aquilo que ten que ver con esta fantástica aventura na que nos metemos de cheo.

Pasar a acción é que nos move, o que nos motiva e esta rodaxe é mostra disto.Formar parte da gravación desta curta é todo un reto do que imos aprendendo día a día, buscar localizacións, facer o guión, remodelar o guión unha e outra vez, aprender o mesmo, buscar atrezzo, organizar as esceas, buscar extras para as esceas máis multitudinaras…Sempre xorden pequenas cousas que non estaban no guión, nunca mellor dito, e temos que buscarlle unha solucións instantánea. E por riba de todo queremos mostrar que hai outros xeitos na procura de emprego. A ver se o conseguimos! 🙂

Somos XerActores e XerActrices e este é o cambio que precisamos.

Deixámosvos a presentación da produtora  Illa Bufarda para que se vos vaia facendo a boca auga coas marabillas que fan 🙂